María García Gómez & Isabel Lema-Blanco
As hortas urbanas son espazos de oportunidade para a naturalización urbana que conta con múltiples beneficios dende un punto de vista ecolóxico, pois contribúen a mellora da biodiversidade urbana e loita contra o cambio climático, reducindo o efecto de "illa de calor" nas cidades.
"As hortas urbanas promoven o respecto ao medio ambiente e fomentan a biodiversidade cando se empregan técnicas de cultivo ecolóxico e especies hortícolas autóctonas"
Así mesmo, sabemos que existen importantes beneficios sociais derivados das hortas urbanas. Son espazos que favorece o contacto da cidadanía coa natureza, existindo potenciais beneficios sobre a saúde física e psicolóxica das persoas. E elo, cun reducido investimento inicial e un limitado custe de mantemento, que as converten en solucións baseadas na natureza idóneas para levar á practica nas cidades, promovendo un aproveitamento eficiente e sostible do espazo publico.
Ditos beneficios xustifican que cada vez mais concellos poñan en marcha iniciativas relacionadas coa agricultura urbana. Non obstante, cando as hortas ocupan terreos públicos e a responsabilidade última dos mesmos é municipal, deben terse en conta algunhas consideracións á hora de promover este tipo de proxectos.
En primeiro lugar, os obxectivos propostos poden ser diversos, pero deben ser coherentes coas estratexias ambientais da cidade. A modo de exemplo, en A Coruña as hortas urbanas promoven o respecto ao medio ambiente e fomentan a biodiversidade na contorna urbana ao mesmo tempo que facilitan o contacto directo da cidadanía coa natureza. Porén, os beneficiarios soamente poderán empregar técnicas de cultivo ecolóxico, empregando empregar fertilizantes naturais e incorporando especies autóctonas de tubérculos, legumes e flores, así como plantas aromáticas ou medicinais.
"As ecohortas urbanas de A Coruña nacen co obxectivo de fomentar a agricultura ecolóxica e tradicional, favorecer as relacións interxeneracionais, promover espazos de desenvolvemento comunitario e crear zonas verdes urbanas coxestionadas pola veciñanza"
Debe tamén facerse unha xestión responsable dos recursos, como o solo ou a auga, incorporando técnicas de compostaxe dos residuos orgánicos que se producen nas leiras. Pola súa parte, o concello dotou estes terreos de árbores froiteiras, matorreiras e flores, especies básicas para poder desenvolver axeitadamente un cultivo ecolóxico e aumentar a biodiversidade da contorna.
As hortas urbanas de A Coruña nacen, en segundo lugar, coa fin de favorecer a convivencia interxeneracional. Menores e persoas adultas ou xa xubiladas poden compartir experiencias colectivas nun espazo de experimentación onde uns poden aprender dos outros. Mais, para que unha iniciativa deste tipo sexa realmente democrática, deben establecerse criterios que garantan a igualdade de acceso por parte da cidadanía.
En A Coruña, a concesión das hortas urbanas é gratuíta para as persoas beneficiarias. Realizase a través dun sorteo publico, mais cunha reserva especifica de prazas para persoas xubiladas, maiores de 65 anos ou persoas en risco de exclusión social. Así mesmo, existe unha reserva de parcelas especifica para centros de ensino e asociacións sen ánimo de lucro que presenten proxectos de carácter social, pedagóxico, terapéutico ou ambiental a desenvolver nas hortas urbanas.
A concesión das hortas terá unha duración máxima de tres anos, tras os cales os terreos son novamente postos a disposición da cidadanía. Para garantir a sustentabilidade económica do proxecto, aínda que as concesións non estean suxeitas a taxas, o custe de conservación e mantemento das parcelas corren a cargo das persoas ou entidades usuarias das hortas.
A participación cidadá, clave para acadar a corresponsabilidade da veciñanza na xestión dos espazos públicos da cidade
Para garantir a viabilidade do proxecto e contar coa implicación activa da veciñanza nas novas ecohortas comunitarias, o Concello da Coruña fixo un especial esforzo en identificar os sectores e entidades potencialmente interesadas e acordar con eles as características e normas de uso das mesmas.
A participación da cidadanía organizouse a través de procesos de información pública en 22 centros educativos da cidade. Para implicar á comunidade escolar leváronse a cabo tres visitas guiadas a experiencias de hortas autoxestionadas xa existentes na cidade, como a da Asociación de Hortas de Feáns, cunha degustación de produtos ecolóxicos coas 90 persoas participantes.
"As novas hortas urbanas da Coruña contaron cunha grande aceptación e demanda social. Recibíronse mais de 300 solicitudes para un total de 217 parcelas dispoñibles nos barrios de Eirìs, Novo Mesoiro e Ventorrillo/Agra do Orzàn. Esta boa acollida explícase polo proceso de dialogo e concertación coa veciñanza potencialmente interesada e que involucrou arredor de 150 persoas"
O proxecto foi tamén presentado en centros cívicos e encontros veciñais con persoas a título individual, a través dos que se acordaron de maneira conxunta cuestións fundamentais para o bo funcionamento do proxecto:
- A localización e a preparación das hortas: Acordáronse as dimensións idóneas das fincas, o tipo de cultivos comunitarios a desenvolver, a accesibilidade ás mesmas, como os peches, os camiños ou a separación entre as hortas.
- Os recursos dispoñibles: As ecohortas contarán cun sistema de rego cómodo, cunha billa cada dúas parcelas, pilas de lavado para as verduras e ferramentas de labranza e un peche perimetral do recinto. Tamén se facilitaran almacéns para gardar os equipamentos de uso comunitario e composteiros.
- As necesidades formativas: para que os/as usuarias fagan poidan deberán cultivar o terreo empregando técnicas ecolóxicas, Para ilo, o concello que porá en marcha un programa formativo que combina coñecementos de agricultura ecolóxica ou compostaxe comunitaria xunto coa aprendizaxe de habilidades para a participación e a toma de decisións grupais. O obxectivo e garantir a boa convivencia entre os usuarios e a coxestión comunitaria das parcelas.
Beneficios e potencialidades das ecohortas urbanas de A Coruña
Os primeiros froitos agroman xa nas ecohortas urbanas da Coruña. A experiencia no parque Carlos Casares de Montealto serven de exemplo e inspiración para as seguintes iniciativas de reverdecemento da cidade. Un proxecto que conta co imprescindible liderazgo cidadá, capaz de promover proxectos tan interesantes como a horta da Escola Infantil de Monte Alto, onde o profesorado, o alumnado e as familias desenvolven unha permanente actividade de educación ambiental a través da plantación de legumes e hortalizas.
“As hortas urbanas involucran ás persoas maiores do barrio, a ese avós a avoas que son coñecedores de moitas das técnicas tradicionais de cultivo e que transmiten aos mais pequenos, aumentando a súa participación na conservación do medio ambiente e do entorno urbano "
As hortas urbanas poden ser tamén excelentes ferramentas para a formación e desenvolvemento das habilidades sociais de persoas en situación de exclusión social ou laboral. Nelas desenvólvense proxectos con vítimas de violencia de xénero, desempregados e inmigrantes. As hortas teñen tamén un impacto terapéutico e de socialización, pois favorecer a convivencia entre veciños e veciñas, que son corresponsables da boa xestión dun espazo comunitario.
Debemos por en valor tamén os beneficios ambientais derivados das ecohortas que, en A Coruña, contribúen ao aumento da biodiversidade urbana e das zonas verdes da cidade, que son coidadas e autoxestionadas pola cidadanía. Así mesmo, cando se consumen alimentos de tempada, producidos na contorna da cidade, estase a reducir o impacto ecolóxico derivado da produción e transporte de alimentos.
Tamén teñen beneficios para a saúde, pois se favorece o consumo de vexetais frescos, o consumo de alimentos ecolóxicos, sen pesticidas nin elementos químicos. Sen esquecer a actividade física moderada que esixe o coidado das hortas, combatendo a vida sedentaria.
En definitiva, as hortas urbanas ecolóxicas son solucións naturais que poden axudarnos a loitar contra os efectos do cambio climático, contribuíndo á mellora da calidade ambiental das cidades, mais tamén a saúde e à calidade de vida das persoas, como pon de manifesto o proxecto "Dementia Friendly Garden" publicado nesta mesma Web.
Para iso é preciso, sen embargo, que conten coa complicidade das persoas tanto no seu deseño como na xestión posterior destes espazos. A participación da cidadanía é fundamental para que estes investimentos sexan eficaces e valorados positivamente pola veciñanza.